Recibir ás familias é sempre algo especial para os nosos cativ@s e que preparen cousiñas relacionados co noso proxecto fai que podamos vivir experiencias xeniais xunto a eles/as onde aprendemos, divertímonos e compartimos momentos únicos.
O noso circo dos sorrisos abriu as portas a varias familias que participaron con nós para facer diferentes obradoiros:
OBRADOIRO DE VARIÑAS MÁXICAS: coas que fixemos moitos trucos de maxia.
OBRADOIRO DE CORBATAS DE PALLASOS: no entroido fixemos gravatas de pallasos que decoramos con moitas cores e que levamos para casa. Ademais aprendimos moito sobre o circo cun genially que preparou Carla para nós.
OBRADOIRO DE EQUILIBRISTAS: o noso cole convertiuse nunha escola de equilibristas no que a partir de diferentes xogos traballamos as habilidades que teñen que ter os verdadeiros equilibristas. Preparamos diferentes estacións con diferentes xogos cooperativos:
- Equilibrio (aro de lume, circuito de aros e colchoneta)
- Destreza e coordinación óculo-manual cun laberinto de pallaso ao que había que tratar de colarlle os narices vermellos (pequenas pelotas)
- Percorridos sobre a corda floxa con picas e pelotas de forma individual e cooperativo
- Lanzamento de aros facendo equilibrios
- Acrobacias: tirabamos un dado xigante e faciamos as figuras acrobáticas que indicaba segundo o número do dado.
Unha chea de probas que superaron con moito empeño e co que conseguiron unha medalla de equilibrista.
Parabéns familias por toda a vosa participación.
UNHA FERMOSA HISTORIA DUNS MIMOS MOI ESPECIAIS: Martín e a súa nai Vero, emocionáronnos cunha fermosa historia de dous mimos que se atoparon para unir os seus corazóns rotos.
SESIÓN COS MIMOS: un grupo de mimos apareceron na aula dispostos a facer unha serie de retos que os peques tiñan que adiviñar pero... non vale facer trampas! (aínda que algunha... é inevitable).
MESTRES DE CEREMONIAS POR UN DÍA: traballamos a outros dos personaxes protagonistas do circo, o/a mestre de ceremonias e elaboramos con materiais reciclados uns microfónos cos que poderemos xogar a presentar aos diferentes artistas do circo.
SESIÓNS DE MAXIA: A maxia chegou ao Castelao da man duns magos/as que fixeron as delicias dos cativos e cativas. e, por suposto, non desvelaron os seus trucos. Non perdades detalle!
OBRADOIRO DE BAILE, MÚSICA E MAQUILLAXE: Como en todos os circos non podía faltar unha boa sesión de música e baile e, se ademais, vai acompañada de maquillaxe que brilla na escuridade iso xa é doutro nivel.
OBRADOIROS DE EQUILIBRISTAS: Estes peques tiveron as súas primeiras sesións de adestramento duns bos/boas equilibristas. Seguiremos ensaiando para mellorar día a día pero o do mocociclo pola corda ímolo deixar para máis adiante.