3 de abr. de 2023

DOCUMENTACIÓN 2º TRIMESTRE AULA DOS CARACOIS (3 ANOS A)

 Ola familias!!

Neste entrada poderedes visualizar un pequeno resumo do 2º trimestre na aula dos caracois. 

1. ASEMBLEA

Antes de nada, gustaríame falarvos das nosas asembleas. Ese momento no que os nenos/as se escoitan, contas as súas historias, coñecémonos e sobre todo, aprendemos. Este trimestre comezamos traballando as vogais. Primeiro vimos como eran esas letras, que forma tiñan e imaxes de palabras que comezaban por esa vogal. Despois os nenos/as as representábana a través do seu corpo e por último realizaron a grafía, neste caso con xices no chan.




2. INVERNO

Este trimestre empregamos como fío condutor o inverno para facer moitas propostas de aprendizaxe.

  • Neve artificial
Na aula dos caracois demos a benvida o inverno creando neve artificial. Desfrutamos un montón tocando as diferentes texturas, moldeándoa, facendo bonecos de neve, que ben o pasamos!
 

  • Propostas

Ao longo do trimestre os caracois fixeron diferentes propostas onde se traballan diferentes aspectos como a motricidade fina, a lóxica matemática, a atención, concentración...


  • Mesa sensorial

Na mesa sensorial hai diferentes materiais como pompóns azuis e brancos, bolas, cubos de madeira, pinzas, culleres de madeira, vasos, etc., ca finalidade de traballar a motricidade fina, a imaxinación e creatividade, as habilidades lingüísticas xa que os cativos/as manteñen numerosas conversacións, favorece a relaxación...


  • Mesa tuff tray

A mesa tuff tray é unha bandexa de plástico onde se dispoñen diferentes elementos, neste caso para levar a cabo un minimundo sobre o inverno.

Na mesa estaban situados dous círculos de diferentes tamaños, e ao seu carón varios recipientes que contiñan elementos de madeira. A finalidade é que os cativos formasen o seu minimundo con eses elementos que se lles proporcionaban. A algúns parecíalles un boneco de neve, a outros un oito, a outros non lle parecía nada... Os cativos deixaron fluír a súa imaxinación e comezaron a crear.


  • Mesa de luz

O efecto de luces e sombras resulta moi atractivo para os nenos/as, favorecendo o seu interese por realizar a actividade. A mesa de luz potencia a creatividade, a concentración, favorece a motricidade fina e o aprendizaxe...



3. PATIO VIVO E HORTA

Este trimestre os nenos de 3 anos coñeceron o patio vivo do cole. Neste patio os nenos están en contacto con elementos naturais e da vida real. Pásano xenial tirándose pola herba, facendo comidiñas, empregando os recipientes de cociña...

Temos a gran sorte de poder desfrutar da horta do cole e aprender moito sobre o crecemento das plantas, as súas partes, a súa alimentación...



4. SESIÓNS CA MESTRA LAURA

  • Lóxica matemática

Este trimestre comezamos a facer dous días á semana un desdobre para traballar cos nenos/as conceptos lóxico matemáticos ca mestra Laura. Todo manipulativo e a través do xogo continuamos a avanzar en conceptos que implican o coñecemento e uso dos números, así como habilidades coma o conteo ou as equivalencias.


  • Valores

Tras rematar o traballo sobre os contos de “Yo voy conmigo” e “Vacío”, comezamos a facer dinámicas de convivencia a partir do conto “El árbol de la amistad”. Os obxectivos principais que estamos a traballar están relacionados coa formación de relacións sociais positivas entre os neno/as do grupo e os compañeiros/as das outras aulas, xa que a nosa árbore da amizade tan só medrará con agarimo e palabras bonitas.



  • Psicomotricidade

Ademais de continuar con actividades que potencien o dominio do seu propio corpo, o equilibrio, estruturación espacial, coordinación.... (ENCÁNTALLES FACER CIRCUITOS E INVENTALOS), tamén tivemos tempo para coñecer moitos xogos populares que seguro as familias recoñeceredes, polo que ademais de aproximalos a cultura popular, traballamos o coñecemento e aceptación das normas dos distintos xogos.


  • Música

Neste trimestre traballamos con diferentes contos musicais, aprendemos as cancións e puxémoslle ritmo con instrumentos. Tamén xogos de emparellarse segundo o son que acordáramos para cada un, xogo das estatuas con diferentes temáticas, bailes por parellas e iniciámonos na escoita atenta de melodías que incitan diferentes sensacións.

5. ENTROIDO

No mes de febreiro celebramos no cole o Entroido, onde os nenos e as nenas do Castelo pasárono xenial. O último día fixemos un desfile por Navia e tivemos unha merendola con produtos típicos do Entroido. Que ben o pasamos!


6. CONMEMORACIÓNS

Ao longo do segundo trimestre traballamos na aula diferentes conmemoracións.  

O 30 de xaneiro tratamos na aula o día da paz, e os nenos/as decoraron o símbolo da paz. O 24 de febreiro traballamos o día de Rosalía de Castro, onde os caracois decoraron un puzle sobre a escritora mediante a técnica do puntillismo, e tamén visualizaron un vídeo dos Bolechas sobre a vida dela. O 8 de marzo os cativos/as coñeceron o significado do día da muller traballadora, e fixemos unha pequena actividade. O 21 de marzo traballamos o día da poesía a través do conto “Lúa”, onde os nenos e as nenas recitáronlle as familias o conto. Ademais, os caracois fixeron para as familias unhas galletas de manteiga boísimas.


Ata a próxima familias!

Mándovos unha aperta moi grande 😊

Paula.

1. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario