Despois destes meses de aprendizaxes, experiencias, novas amizades, xogos e moitos momentos compartidos chegan as merecidas vacacións.
Despedímonos ata setembro deixándovos unha pequena mostra e pinceladas da nosa vida na aula ao longo deste curso.
1. PROPOSTAS DE XOGO E APRENDIZAXE:
Como sabedes para facilitar unha entrada relaxada dos nenos e nenas ao longo do curso propuxéronse diferentes actividades que invitan ao xogo en pequenos grupos e coas que traballaban diferentes aspectos e contidos do noso currículum: motricidade fina, razoamento lóxico-matemática, achegamento aos números e letras, orientación espacial, xogos de atención e memoria... e moitos outras relacionados co noso proxecto.
2. A MALETA:
Esta actividade xurde da idea de traballar a nosa pertenza ao grupo, afianzar lazos de amizade e respecto que axudaron a coñecernos mellor e a mellorar as nosas relacións no día a día na aula. Foi un momento especial para cada un dos nenos e nenas pois desta maneira foron descubrindo como somos, naquelas cousas que nos parecemos, o que nos fai diferentes... para axudarnos a formar un grupo-clase unido e cohesionado, no que valoramos a todos e todas coas súas particularidades.
3. PROGRAMA COMUNICARNOS:
Ao longo do curso estivemos a traballar co programa comunicarnos, co cal se pretende o desenvolvemento das habilidades de expresión oral que son as bases do proceso lectoescritor. Por ese motivo é tan importante traballar a linguaxe oral para facilitar a aprendizaxe da linguaxe escrita sen dificultades. Así pois traballamos aspectos como a conciencia fonémica, vocabulario, elaboración de frases...
4. ESQUEMA CORPORAL
Un dos traballos de maior peso do curso foi a progresión no coñecemento de nós mesmos/as. Por iso cada mes cada neno/a elaborou un debuxo de si mesmo co que podemos observar a evolución no debuxo da nosa propia representación do esquema corporal.
5. A HORTA:
Co PDI do centro pretendeuse impulsar no alumnado o coñecemento dos beneficios dunha horta, unha horta de TODOS/AS na que o alumnado implicouse coas labores e coidados que esta conleva.
Grazas a Uxía, aprendemos sobre a plantación de diferentes sementes que pouco a pouco foron medrando cos nosos coidados e mimos.
Puidemos sementar e recolectar fabas, acelgas, leitugas... observamos bechos da horta e descubrimos a importancia destes para facer compost.
Foi todo unha experencia e algo do que desfrutamos moito!
As xoaniñas e bolboretas levamos todo o curso traballando na horta do cole. Unha actividade na que participamos tanto dentro como fora da aula:
A HORTA DE SIMÓN
A partir do libro recomendado polo Nadal "A horta de Simón" comeza o noso traballo máis artístico. Tras a súa lectura na aula descubrimos moitos dos vexetais da horta chegando a estampar con eles no noso bloc: pementos, tomates, limóns, brécol, cenorias... A nosa propia horta convertida nunha obra de arte.
E na nosa horta non podía faltar a figura do espantallo, Para iso traballamos a canción O ESPANTALLO DIVERTIDO e nós mesmos convertímonos en espantallos para conseguir que os nosos paxariños non se comesen todo o que estivemos a plantar.
Para iso contamos coa colaboración de Paco Nogueiras o cal asistiu a biblioteca do noso centro a compartir con nós este e outros contos.
6. SAÍDAS:
Durante este terceiro trimestre realizamos diferntes saídas:
- Á Sala Ártika para ver o espectáculo de Migallas
- Ao teatro Afundación no que vimos unha adaptación do conto do Parrulo Feo
- Ao salón de actos da Asociación de Veciños Emilio Crespo
7. PROXECTO DE AULA: QUE CULTIVABAN OS NOSOS ANTEPASADOS?
En relación co proxecto de centro, desenvolvemos o noso proxecto de aula. Viaxamos á Prehistoria para descubrir as orixes da agricultura e como era un tema tan interesante mergullámonos de cheo para convertirnos e expertos/as arqueólogos/as.
- Aprendimos que a Prehistoria se divide en tres etapas: Paleolítico, Neolítico e Idade dos Metais e de cada unha delas o máis representativo.
- Observamos os cambios máis importantes da especie Humana, dende a súa orixe ata a actualidade.
4 anos A 4 anos B
- Descrubrimos cales foron os primeiros cultivos da etapa do Neolítico: plantas como a cabaza, legumes como as lentellas e garavanzos e cerais como o liño.
- Tamén aprendimos a importancia da gandería para pasar de ser nómades a sedentarios e ata pasamos un ratiño cunha cabriña moi fermosa.
- Coñecimos os nomes dalgúns animais da prehistoria: megalodón, brontoterio, mamut, gliptodonte, bisonte...
Con toda esta información elaboramos os nosos lapbooks, no que puidemos recoller todo o aprendido.
E como non podía ser doutra maneira, a nosa saída de fin de curso foi a Campo Lameiro, un centro de interpretación de Arte Rupestre no que desfrutamos e vivenciamos todo o aprendido. Ata presenciamos unha exhibición do lume empregando diferentes técnicas.
Ademais, sen a vosa colaboración non sería posible levar a cabo este proxecto de maneira tan completa, motivadora e participativa para os vosos fillos e fillas. Unha vez máis, GRAZAS
Para finalizar neste vídeo podedes comprobar todo o que os nenos e nenas aprenderon da Prehistoria.
E a obra de teatro que representamos a aula das Bolboretas
8. VALORES:
No terceiro trimestre partindo do conto "El árbol de la amistad" fomos quen de valorar como a unión entre as persoas fainos máis fortes. Todos necesitamos que nos coiden , mimen e digan cousas bonitas, xa que as palabras feas poden facer moito dano. Todos podemos enfadarnos pero temos que aprender a xestionar os estados de ánimo e a respetar aos demais e pedir perdón. Con valores como a empatía, o agarimo e a confianza mutua conseguiremos que a nosa planta xermine e crezan vínculos de amizade. Asi que un dos obxectivos principais a traballar é a formación de relacións sociais positivas entre os nenos/as do grupo e os compañeiros/as non só da propia aula, senón das outras tamén, ca que a nosa árbore da amizade tan só medrará con agarimo e palabras bonitas.
9. PSICOMOTRICIDADE
Relativo a psicomotricidade grosa referímonos a todos as accións que os nenos/as realizan con todo o seu corpo, como: saltar, correr, xirar... Para realizar estas accións requírese o control do seu corpo en relación a sí mesmos ademais de co espazo e cos obxectos, así como a coordinación das distintas extremidades do corpo. Inclúe polo tanto o control e o movemento dos grupos de músculos grandes, como os do torso, a cabeza, as pernas e os brazos.
Exemplos de actividades de motricidade grosa:
- Saltar, andar e correr
- Gatear, arrastrarse
- Volteretas
- Balancearse, montar en cabaliño...
- Xogos diferentes relacionados cos deportes e outros como o pano.
FELICES VACACIÓNS!
Ningún comentario:
Publicar un comentario